80 blogues adhírense a “BLOGUES POLA LINGUA” no seu primeiro día de andaina.

15 maio 2008 – 1:17 pm
  • O blogue de BpL recibiu nun só día preto de 2000 visitas.
  • O popular debuxante Kiko Da Silva é un dos blogueiros que se adheriu a esta iniciativa en defensa do galego.

Galiza, 15 de maio de 2008.- Pasadas escasas vinte catro horas dende a apresentación pública da Rede de Blogueiras/os en Defensa do Galego “Blogues pola Lingua” (BpL), xa son 80 as bitácoras que se adheriron a esta iniciativa a prol do noso idioma, entre as que cabe destacar o blogue do debuxante Kiko Da Silva, e agardase que este número continúe aumentando de aquí ao domingo 18 de maio. 

A Comisión Promotora de BpL valora este feito como un indicador claro de que “esta iniciativa vai ter continuidade, porque o que fica patente é que era algo necesario, o blogomillo quería falar para defender con contundencia o noso idioma, e BpL é a canle desa expresión colectiva”. 

Outro dato positivo foi o número de visualizacións do blogue de BpL, www.bloguespolalingua.org, que onte estivo a piques de alcanzar as 2000 visitas. 

Dende BpL afirman que “este significativo movemento por parte do blogomillo é un síntoma de que a manifestación nacional do vindeiro domingo 18 de maio vai ser un rotundo éxito” que situará aos inimigos do galego “incluídos os que se fan chamar bilingües e que falan de imposicións ficticias” na “marxinalidade social que representan”.

APOIO AO MANIFESTO D’A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Por outra banda dende onte “Blogues pola Lingua” figura colectivamente como un dos apoiantes do Manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” de A Mesa pola Normalización Lingüística, o que supón que os 80 blogues que forman parte de BpL adhírense ao manifesto do colectivo a prol da normalización do galego. 

ACCIÓNS
A promotora de BpL sinala de que están barallando posíbeis accións en defensa do galego dende Internet. “Moitas/os das/os blogueiras/os nos están facendo chegar ideas, porque o que fica claro é que hai moitas ganas de facer cousas” indican.

===

(Texto da Nota de Prensa enviada a todos os meios de comunicación) 

Chuzame! chuzame -
  1. 2 Responses to “80 blogues adhírense a “BLOGUES POLA LINGUA” no seu primeiro día de andaina.”

  2. Está a ter unha gran acollida a iniativa ,esperemos que a cousa siga asi.

    By Ivan on mai 15, 2008

  3. DEREITO A EXISTIR

    No comezo dos tempos un ser vivo existía na medida en que se podía distinguir do medio acuático que o rodeaba e se podía reproducir e relacionar co medio.

    Do mesmo xeito, nós existimos como galegos, comunidade diferenciada (nación) na medida en que somos distintos do resto da especie humana que nos rodea. Nós, igual que aquela primeira célula primitiva (LUCA) só queremos seguir existindo: non ser materia, ser vida; non ser simples homo sapiens sapiens, ser galegos. É tanto o que pedimos?

    By anxo on xun 16, 2008

Post a Comment